19/12/2018
Artesana Gastrobar triunfa no concurso Santiago (é) Tapas
Logra o primeiro premio do público polo seu Capuccino e o segundo coa súa 'Croqueta'
Santiago(é)tapas 2018 contou con 68 locais participantes, que presentaron 101 tapas a concurso na primeira fase do 15 de novembro e o 2 de decembro. As mellores dez tapas escollidas polo xurado pasaron á gran final do 7 ao 9 de decembro, onde o público e un novo xurado profesional valoraron ás finalistas.
En total, nos 20 días de concurso consumíronse máis de 30.000 tapas e emitíronse 21.700 votos válidos para escoller os dous premios do público, resultado do voto popular da primeira fase, e os tres grandes premios finais, resultado conxunto da valoración do xurado profesional e o voto popular dos tres días da final.
Primeiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 1.000 euros.
“Montadiño Tenreira Arzúa-Ulloa” de A Viaxe.
Segundo Premio Santiago(é)tapas, dotado con 500 euros.
“Croqueta” de Artesana.
Terceiro Premio Santiago(é)tapas, dotado con 500 euros en produto.
“A Pataca Quechola” de Doña Ana.
Primeira Tapa do Público, dotado con 700 euros.
“Capuccino” de Artesana.
Segunda Tapa do Público, dotado con 300 euros.
“Petisco galego 100% apto” de TS A Casa.
Premio(É)Tapas+, ao máis activo dinamizador do concurso nas redes sociais, dotado con 700 euros: @queverensantiago, usuario de Instagram.
Na festa de entrega estiveron presentes as anfitrionas Marta Lois, concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo do Concello de Santiago, e Sara Santos, presidenta da Asociación de Hostalería de Santiago de Compostela; así coma a xerente do Turismo de Santiago de Compostela, Flavia Ramil; a vicepresidenta da Asociación de Hostalaria, Rita Sobrado; Carlos Fuertes en representación do patrocinador Mahou; Miguel Sandá, xefe de zona centro de Cash Record e Jorge Guitián, coordenador do xurado, entre outras personalidades.
Ademais da entrega de premios, presentada por Evaristo Calvo, a festa final contou coa participación dalgúns gañadores das pasadas edicións, como Tapería Castelao, O Ferro, A Maceta e Hotel Puerta del Camino, que prepararon en directo as súas tapas galardoadas.
Por cuarta edición consecutiva, Santiago(é)Tapas foi organizado de modo conxunto por Turismo de Santiago e a Asociación Hostalaría Compostela, nun modelo de coparticipación entre o Concello e o sector privado da cidade. Ademais, Santiago(é)tapas conta con Mahou como patrocinador principal, o patrocinio xa tradicional de Cash Récord e Coca Cola, e a colaboración institucional da Deputación da Coruña.