25/10/2019
Cineuropa converte Santiago na capital do cine do 7 ao 28 de novembro
O festival estará marcado por un feminismo transversal que se traducirá nun incremento no número de películas realizadas por directoras
O festival, que se celebrará entre o 7 e o 28 de novembro na capital galega, estará marcado por un feminismo transversal que se traducirá tanto nun incremento no número de películas realizadas por directoras como das sensibilidades dos temas escollidos nos filmes. Esta decisión tomouse tras valorar a colleita cinematográfica mundial deste ano, onde os filmes dirixidos por mulleres ou cunha temática claramente combativa eran moitos e de alta calidade. Deste xeito, o público poderá gozar de películas que achegan unha visión crítica do presente e miradas inusitadas e próximas sobre dereitos humanos, sobre outras realidades, e sobre a emerxencia climática e ecolóxica actual.
A selección de películas que participan este ano no festival manterá a calidade dos anos anteriores e será tamén un reflexo da gran diversidade temática, formal e de orixe que caracteriza á produción audiovisual dos últimos anos. Está edición será, polo tanto, a das voces femininas, críticas e de diferentes xeografías e orixes.
Seguindo esta liña, a imaxe do Cineuropa, cuxo cartel foi presentado esta mañá, afonda na variedade de perspectivas e puntos de vista que ofrece o cinema. Unha diversidade que se converte en leimotiv da 33ª edición de Cineuropa, na que se convida ao público a unha participación activa, pero tamén ao debate e á negación das verdades absolutas, a través de cuestións de xénero, de prioridades, de confianza ou de tempo. O festival terá nesta edición cinco seccións oficiais (Europea, Panorama internacional, Docs Cineuropa, Latidoamericano e unha novidosa sobre animación denominada Animaeuropa) e, por primeira vez, o público poderá premiar un filme por cada unha das categorías.