28/04/2020
A Asociación Hostelería Compostela propón medidas para o sector fronte ao COVID-19
Recoñecen que haberá unha "gran crise" e urxen solucións
"Visto isto, continúan, o punto de partida vai ser de mínimos e non se prevé unha recuperación real do sector ata 2021 que, realmente, non se culminaría ata o 2023-2024 segundo os prognósticos, cunha situación similar á que tíñamos o 14 de marzo de 2020", continúa e ademáis relatan unha serie de medidas (que se poden ver na súa web: www.santiagohosteleria.net
PROPOSTAS ECONÓMICAS REFERENTE ÁS MEDIDAS ADOPTADAS
Estímase que o sector representa o 20% do PIB da cidade.
Compostela é a cidade galega con máis dinamismo: supera amplamente tanto á Coruña como a Vigo en número de prazas hoteleiras; en 2019 quedou no posto 14 dos 50 destinos urbanos do conxunto do Estado; e o emprego directo total en 2019 alcanzou aproximadamente 4000 persoas, catro puntos por encima da media estatal. Por outra parte, é a cidade galega con máis ratio -4,1/1000 hab.- de establecementos hostaleiros por habitante.
As medidas adoptadas pola Administración central, autonómica e municipal, son claramente insuficientes:
- Aprazamento de impostos
- Rebaixa nos xuros do aprazamento das cotas da seguridade social
- Concesión de ERTE por causa de forza maior
É unha medida que consideramos amortecedora do momento, mais o requisito de mantemento do emprego por un período de seis meses sen ter en conta as condicións en que imos retomar a actividade é unha das cuestións que precisa dunha revisión inmediata e que ata o momento non se fixo. Propoñemos a eliminación desta limitación.
Outras propostas en materia laboral son:
- Mantemento parcial dos equipo de persoal afectados polo ERTE en función da capacidade que se autorice nos locais ou das fase en que se vaia permitindo a apertura.
- Constitución dunha “liña expres” de regulación e adaptación do emprego
- Pago subvencionado ao 100% de permisos e excedencias voluntarias para reforzar a conciliación familiar.
- Axudas a fondo perdido por mantemento de postos de traballo a un ano.
- Liñas de crédito ICO
- Déixase a criterio das entidades crediticias a concesión ou non destas axudas, co que moito se teme -e remitímonos a experiencias anteriores- que estas van poñelas en mans dos seus mellores clientes, que van coincidir coas empresas máis saneadas e mellor situadas no plano económico.
- A devolución dos préstamos. Aínda que contan cun ano de carencia na súa amortización, é un prazo moi curto de tempo tendo en conta as previsións de recuperación real do sector, co que poden converterse noutro xeito de adiar o problema e non resolvelo.
- Liñas de crédito do IGAPE coa garantía de sociedades de garantía recíproca
Proponse unha revisión destes criterios, así como a concesión de axudas a fondo perdido ás persoas autónomas, do mesmo xeito que se fai noutras comunidades
PLAN MARCO DE REACTIVACIÓN ECONÓMICA MUNICIPAL
É recorrente por parte deste goberno municipal e doutros anteriores non incluír o sector da hostalaría entre as medidas que habitualmente se deseñan desde a área de Promoción Económica. Así se deduce do anuncio realizado polo alcalde hai días sobre as medidas de reactivación económica nas que poucas podemos atopar que se deseñaran de xeito específico para esta ocasión e aínda menos dirixidas ao noso sector.
A respecto do plan presentado o 17 de abril, asistimos con estupor ao feito de que a hostalaría só aparece mencionada nos seguintes apartados
- Programa de dinamización comercial “Festa da Primavera”
- Convocatoria de axudas a través de incentivos á contratación temporal
- Creación dunha liña de formación e consultoría on–line
Proponse
- Compensación de impostos municipais
- Ocupación de vía pública (terrazas)
- Lixo
- Saneamento e abastecemento
- Bonificación do IBI
- Proposta de redución de impostos e taxas municipais para o ano 2021
– Revisión e redución das cotas fixas e variables de auga, saneamento e lixo
– IBI.
- Suspensión temporal da normativa de terrazas
- Incluír o sector da hostalaría no plan
- Inclusión dunha partida específica para recuperar a confianza da poboación
- Adopción de medidas en puntos previsiblemente conflitivos de concentración de persoas
- Inclusión dos sectores damnificados no comité de crise que se pretende crear.
- Camiño da Santiago
Entendemos que debe ser o goberno municipal un firme defensor dos sectores máis afectados, facendo propias estas reivindicacións e actuar como portavoz da sociedade compostelá ante as outras administracións.
Son tempos de valentía e de liderado que a hostalaría deposita no goberno da cidade e especialmente no seu alcalde.
PLAN DE ACCIÓNS ESPECIAIS DE TURISMO DE SANTIAGO
O alcalde anunciou publicamente, durante a presentación do anterior paquete de medidas, entre 2 e 3 millóns de euros a maiores para actividades por parte das concellarías de Turismo e Cultura que completarían as anteriores para servir de reactivación dos sectores hostaleiro e cultural.
O actual orzamento da empresa municipal INCOLSA, publicado o día 3 de abril no BOP, ascende a 2.204133.16 € no apartado de gastos do capítulo II . Entendemos que unha boa parte deste capitulo pretende ser modificado en aras das actuais circunstancias.
Ata o momento fóronnos presentadas, a maiores das xa citadas no anterior plan, as seguintes accións concretas:
- Accións relacionadas co posicionamento SEM e SEO
- Creación dun foro profesional
- Reactivación do foro MICE
- Reforzo orzamentario do Santiago (é) Tapas
Concluímos, polo tanto, que a concreción deste plan de acción a dous meses do inicio do verán é claramente insuficiente e entendemos que urxe maior planificación con dotacións orzamentarias.
A este respecto, formulamos as seguintes propostas:
- Estudo de comportamento dos mercados máis próximos
- Planificación dunha campaña promocional como destino urbano saudable Destacar a oferta de valores asociados ao turismo verde e familiar, a un modelo non masificado, tranquilo e seguro. Temos suficiente infraestrutura hostaleira e de hospedaxe no conxunto da cidade para poñer en valor un modelo turístico desas características na nosa cidade e na súa contorna, que reúnen as condicións idóneas. Sería conveniente crear sinerxías cos concellos veciños que poidan reforzar esta idea.
- Deseño dunha oferta cultural e de ocio de baixo impacto
- Banquete de Conxo na primeira quincena de xullo
Trátase que se converta na festa histórica da cidade, ambientada nesa época e con esa temática, descentralizando a actividade por toda a cidade e procurando unha participación activa da poboación ao longo de toda unha fin de semana mediante o sistema de disfraces de época, como se viña facendo aínda que de xeito reducido a un día e ao barrio de Conxo. Malia o anterior, non se debe desvincular totalmente o evento da súa localización orixinal e cómpre mantela como escenario de parte das actividades.
A hostalaría participaría activamente ofrecendo propostas gastronómicas que se poidan considerar de época, asociadas á recreación do Banquete. Pódense ofrecer, tamén, desde os hoteis paquetes conxuntos de hospedaxe e gastronómica a maneira de reclamo para visitantes
- Festas do Apóstolo na segunda quincena de xullo
- Actividade e animación de rúa durante todo o mes de agosto
- Apoio económico a establecementos hostaleiros
- Deseño dunhas xornadas gastronómicas da cabra
- Reforzo orzamentario da Festa Gastronómica das Uñas de San Lázaro 2021
- Deseño e planificación do Santiago (é) Tapas
- Reforzo orzamentario e de promoción exterior de Cineuropa
- Creación dun evento enogastronómico dos camiños de Santiago
A idea sería a posta en valor da diversidade enolóxica e gastronómica ao longo dos distintos camiños de Santiago, cun protagonismo do viño e da gastronomía galega por ser sede do evento. Procuraríase o apoio económico da Xunta de Galicia, das deputacións provinciais galegas, do Ministerio de Industria e Turismo e doutras institución relacionadas cos camiños, do conxunto do Estado e de Portugal, que teñan interese na promoción dos seus produtos.
O formato sería igualmente con espazos de baixo impacto, con varios puntos repartidos por toda a cidade, cun horario establecido que permita seguir a degustación nos locais de hostalaría. Préstase tamén para ofertar paquetes por parte dos hoteis.
- Deseño dunha actividade continuada ao longo do período do Nadal