24/09/2020
O Curtocircuíto máis especial
O festival de cinema desenvolvérase do 3 ao 11 de outubro en diversos escenarios da cidade
Así, Curtocircuíto preséntase nesta edición cunha programación compacta, determinada polos aforos reducidos nas sala e cunha aposta clara polas sesións online e seccións especiais dedicadas ao cinema galego, coidando de seguir facendo dos escenarios do festival entornos sanitariamente seguros.
Durante 9 días, Santiago de Compostela converterase en punto de referencia de profesionais e afeccionados ao cinema cun completo programa de actividades que gravitarán arredor das últimas tendencias cinematográficas e das artes visuais.
Agora anúncianse os últimos detalles da programación, entre os cales destacan o Foco dedicado á figura imprescindible do director e actor Dennis Hopper; a sección Longas x Curto que mostrará as primeiras ou segundas longametraxes de cineastas consolidados e próximos ao festival como son Lois Patiño, Camilo Restrepo, Oskar Alegria ou Jessica Sarah Rinland; a recuperada sección Playlist, co documental que retrata á banda de rock industrial SWANS; os concertos e performances A/V de artistas singulares como Javier Diez Ena, Julián Mayorga, Elías Merino ou Amorante; e todo un conxunto de entrevistas e mesas redondas online que, desde calquera dispositivo dixital, nos permitirán achegarnos ao universo de personalidades como Alex Cox, Carla Simón, John Alan Simon, Eva Sangiorgi, Cristina de Middel, Celia Rico, Oliver Laxe, Carlos Muguiro ou Ricardo Cases, entre outros moitos.
Dennis Hopper: un foco imprescindible
Dennis Hopper foi un recoñecido actor, cineasta, realizador, fotógrafo e artista estadounidense, considerado unha das figuras máis icónicas e influentes do cinema contemporáneo. A súa primeira película como director, Easy Rider (1969), foi premiada no festival de Cannes e foi unha peza crave na substitución xeracional que se deu en Estados
Unidos, abrindo paso a unha nova onda de creadores e cineastas.
Ademais de cineasta, Hopper foi recoñecido polo seu traballo diante das cámaras , que comezou na súa etapa universitaria grazas ao seu interese polo teatro. Tras o seu debut en 1954 como actor na recoñecida película Johnny Guitar , Hopper traballou xunto a un dos seus ídolos, James Dean , en Rebelde sin causa (1955) e Gigante (1956). Aos poucos foise facendo un oco en Hollywood e conseguiu papeis en películas tan destacadas como Apocalypse Now (1979), Terciopelo Azul (1986) ou Amor a quemarropa (1993).
Curtocircuíto dedicaralle un foco durante o festival mostrando unha selección de películas na súa faceta de director e activista contracultural, entre as que atopamos The Last Movie (1971),
Out of the Blue (1980), The American Dreamer (1971), Straight to Hell Returns (2010) e Easy Rider (1969).
Entre a selección de películas de Hopper cabe destacar Out of the Blue xa que Curtocircuíto estreará en España a copia restaurada en 4 K. Os artífices desta versión son os produtores estadounidenses John Alan Simon e Elizabeth Karr que, co apoio de personalidades como
Chloë Sevigny, conseguiron o financiamento necesario para recuperar esta película de culto. A nova versión de Out of the Blue foi estreada no último Festival de Venecia e con esta proxección Curtocircuíto quere render homenaxe á súa carismática protagonista Linda Manz, falecida o pasado mes de agosto. O Foco Dennis Hopper poderase ver ademais a través de Filmin, sede online do festival.