21/07/2021
Festas do Apóstolo 2021
Semana de concertos, monólogos, circo e cine ao aire libre
O presidente da Asociación, Manuel Rey, arrancou o pregón facendo un percorrido pola historia de Cantigas e Agarimos, vinculada prácticamente desde os inicios ás Festas do Apóstolo.
"Así comezaría a súa andaina unha agrupación que, ao longo destes 100 anos, se convertiría nun referente da música e do baile tradicional de Galiza e en peza indispensable da sociedade e da cultura compostelá. Con Cantigas e Agarimos, os nomes de Santiago e de Compostela recorrerían a maioría das provincias do Estado español e gran parte das cidades e vilas do noso país irmán, Portugal. No ano 1973, mesmo cruzarían o Atlántico para participar nas Xornadas de Cultura Galega organizadas polo Centro Galego de Bos Aires e, en 1977, acudirían por primeira vez ao Festival de Lorient, onde lle foi concedida a medalla de prata da cidade", lembrou.
Arrancan así preto de dúas semanas de concertos, monólogos, cine ao aire libre, circo, deporte, espectáculos para os máis pequenos e os xa clásicos cabezudos, Xornadas de folclore, tamén coa participación de Cantigas e Agarimos, torneo da chave, etc.
No que respecta aos concertos, aos escenarios habituais da Quintana e o Obradoiro súmanse o parque de Galeras, a praza de Mazarelos e o Palco de Música da Alameda, co obxectivo de recuperar a función inicial deste singular espazo. Por estes escenarios, con aforos reducidos por mor da pandemia, pasarán Iván Ferreiro, Luz Casal e a Real Filharmonía, Marlon, A Banda Municipal de Música, Ladilla Rusa ou Terbutalina, entre moitos outros.
Para todas as actividades é preciso acudir cunha antelación de 30 minutos e é obrigatorio o uso de máscara.