Portal de tu Ciudad Alta
← Santiago de Compostela

Agenda

'Pressing Catch', de Berrombambán
11 MARZO 2010

'Pressing Catch', de Berrombambán

📍 Sala NASA Cabo Sam Lourenzo 51-53.

Horario: 21:30 Tamén o 18, 19 e 20 de marzo de 2010. A compañía de teatro Berrombambán propón nesta ocasión unha obra para público adulto na que se vale do espectáculo do pressing catch para reflexionar sobre a sociedade actual. Autoría: Paula Carballeira Dirección: Quico Cadaval Escenografía: Pablo 'Pastor' Iluminación: Fidel Vázquez Vestiario: Clotilde Vaello Elenco: Hugo Torres, Paula Carballeira, Chiqui Pereira, Anabell Gago Vivimos na era do medo. Temos medo practicamente de todo; e o medo, ademais de limitar a nosa liberdade, núblanos o entendemento e fainos manipulables, bonecos nas mans das novas tecnoloxías, dos medios de comunicación, do poder. Non deixa de ser curioso que uns dos programas máis vistos nos últimos dez anos en diferentes televisións do planeta sexan os adicados á loita. Berrobambán pretende facer teatro do espectáculo do "pressing catch", tomando algunhas das súas convencións: os epítetos dos loitadores, a acrobacia, a música que os acompaña, pero introducindo variantes coma o coidado dos diálogos, a presenza feminina, e, sobre todo, a descontextualización da loita. Aínda que nas últimas montaxes de Berrobambán había unha especial atención ao público familiar a compañía aposta agora por un espectáculo para xente moza e adulta no que se reflexiona sobre determinadas circunstancias sociais que estamos a vivir.

Exposición 'María Xosé Díaz, 1980-2010'
11 MARZO 2010

Exposición 'María Xosé Díaz, 1980-2010'

📍 Auditorio de Galicia Avda. do Burgo das Nacións, s/n.

O Auditorio de Galicia inaugura esta exposición retrospectiva sobre os trinta anos na arte desta creadora galega. Antonio Garrido Moreno é o comisario dunha mostra ue permanecerá aberta ata o 20 de xuño. María Xosé Díaz naceu en Catoira en 1949. Cursou estudos de Belas Artes en Barcelona, onde viviu 12 anos. Aínda que a súa formación é pictórica, no seu traballo sempre se manifestou a súa atracción polo volume e o espazo. Como ela mesma indica na súa web, "Gústame explorar as calidades dos materiais: expresividade, resistencia, posibilidades combinatorias. Atopalos, manipulalos e mesturalos. Harmonizalos en estruturas xeométricas, ás veces estáticas, ás veces móbiles".

'Bancos de néboa', de Jesús Mª Cormán
11 MARZO 2010

'Bancos de néboa', de Jesús Mª Cormán

📍 Espacio 48 Rúa do Vilar, 48

Nesta exposición Cormán retoma o tema da paisaxe, reinterpretándoo desde unha nova perspectiva. Busca novos camiños co fin de lograr unha correcta representación da vulnerabilidade da paisaxe, unha maneira de mostrar a súa fugacidade permanente e a súa natureza fráxil. Para iso capta cada mínimo movemento, cada un dos imperceptibles cambios no tempo, pausados e tranquilos, que configuran unha realidade diferente, na que cobra unha maior transcendencia o concepto de tránsito, que se revaloriza, deixando ao carón a posibilidade de plasmar tan só un instante concreto. Son os interesantes efectos da néboa, os seus curiosos contrastes cromáticos e lumínicos os que pretende captar Cormán nas súas representacións, que cargadas de lirismo, parecen transcribir un poema visualmente. Jesús Mª Cormán (San Sebastián, 1966) estuda Belas Artes na Universidade do País Vasco. Desde os seus comezos interésase por diversas áreas de expresión artística, destacando nas súas facetas de compositor, poeta e pintor. Expón a súa obra con regularidade en diversas galerías de cidades como París, San Sebastián, Bilbao, Pamplona, Vigo, Madrid ou Glasgow, nas que mostrou a súa obra individual e colectivamente. Está presente en varios certames de Arco, na Feira de Arte de Colonia, en Art Chicago e, recentemente, en Art Madrid 2008. O mesmo ano presenta a súa obra na Ganbara do Koldo Mitxelena Kulturunea de San Sebastián baixo o título de 'Gabinete de Crise', unha mostra que marca un punto de inflexión na súa carreira. Recibe en 1985 e 1986 o primeiro premio do Certame de Artes Plásticas do Goberno Vasco en Vitoria e en 1988 alcanza o 2º premio no Certame Nacional de Artes Plásticas concedido polo Ministerio de Cultura. A súa faceta como escritor tamén se viu recompensada, recibindo diversos premios como a Vila de Pasaia de poesía en 1985 e 2002, o Iparragirre Saria en 2004 e o VIN Premio Internacional de Poesía León Felipe en 2008. Ademais, compuxo letras para músicos contemporáneos, colaborando entre outros con Mikel Erentxun, con quen escribiu máis dun centenar de cancións. A súa obra pictórica forma parte de importantes coleccións de diversos museos e institucións, entre outros do Goberno Vasco (Vitoria), da Deputación Foral de Guipúzcoa, do Museo de San Telmo, da Colección Kutxa (San Sebastián), do Bilbao Bizkaia Kutxa, do Museo de Belas Artes de Álava e da Colección Banco Central Hispano.

Monkillos en concerto
10 MARZO 2010

Monkillos en concerto

📍 Pub Borriquita de Belém San Paio, 22

Horario: 22:45 Concerto desta banda formada por Marcelino Galán, Xacobe Martinez e Miguel Cabana, que interpreta temas de Thelonious Monk pasados pola peneira do son cubano, o flamenco e o jazz. Marcelino Galán, guitarra Xacobe Martínez, contrabaixo Miguel Cabana, percusión

Artello Teatro Alla Scala 1:5 ofrece 'Polgariño'
10 MARZO 2010

Artello Teatro Alla Scala 1:5 ofrece 'Polgariño'

📍 Auditorio de Galicia Avda. do Burgo das Nacións, s/n.

Horario: 11:00 Na pequena cabana do bosque onde vive unha familia de leñadores avecíñanse dificultades: unha enfermidade impídelle ao pai ir traballar. Os pais queren manter os seus cinco fillos alleos a esta situación, mais Polgariño, o máis pequeno, é observador e advirte as desgrazas que ameazan os seus. Autores: Rosa Hurtado, Santiago Montenegro Dirección: Manuel Pombal Escenografía: Suso Montero, Artello Teatro Alla Scala 1:5 Iluminación: Luís Lago, Santiago Montenegro Vestiario: Suso Montero, Artello Teatro Alla Scala 1:5 Composición musical: Ramón Souto Saxofón: Julio Álvarez Elenco: Rosa Hurtado, Santiago Montenegro Malia ser cativo en tamaño, Polgariño non o é de vontade. Por iso é quen de convencer os seus irmáns de que, indo todos xuntos e empregando a intelixencia, poderán axudar aos seus pais, aínda que para iso teñan que meterse sos no bosque e facerlles fronte aos perigos que entraña. A compañía Artello foi fundada en Vigo en 1978. Desde ese ano realizou un total de 17 espectáculos, mantendo como base do seu traballo a creación colectiva. Ademais, en 1994, baixo a dirección de Rosa Hurtado e Santiago Montenegro, inicia unha liña de investigación na mestura de obxectos, actores, sombras, etc. nas súas propostas. Froito desta liña de traballo son os espectáculos A do libro (1995), Unha de amor (1999), Amadís de Algures (2002), De fábula (2005), que veñen participando nos festivais, feiras, redes e programacións máis importantes do sector. Os dous primeiros recibiron o Premio á Mellor Posta en Escena en FETEM (Xixón) e á Mellor Estética no Festival Internacional de Albaida (Valencia) respectivamente. Ademais de Polgariño, na actualidade a compañía mantén en cartel Unha de amor, Amadís de Algures e De fábula.

'Buscando a Hilary', de Elise Varela
10 MARZO 2010

'Buscando a Hilary', de Elise Varela

📍 Fundación Caixa Galicia Rúa do Vilar, 19.

Horario: 19:30 Nesta comedia cínica, Hilary, avogada de éxito que ronda os corenta, está estancada nun punto decisivo da súa vida. Ela sospeita que existe unha maneira mellor de vivir e que xusto non pode ser como até agora. Autoría: Elise Varela Tradución e adaptación: Paloma López Vázquez Dirección: Esteve Ferrer Axudante de dirección: Sara Moros Escenografía: Ana Garay Iluminación: Juanjo Llorens Vestiario: Eduardo Acedo Son: Víctor Rodríguez Ruiz Fotografía: Pedro Gato Deseño gráfico: José Javier González Elenco: Blanca Marsillach, Fran Sariego, Miguel Foronda Estes pensamentos fanlle repensar quen é ela realmente. E mentres loita por atopar o camiño de volta á cordura, está confrontada co seu propio auto-demo e ego, Wilpuck. Wilpuck vive coa ilusión de que pode dicirlle a ela que é o correcto ou o equivocado. Todo nun esforzo por controlala, ensinándolle o que ela é ou non é, como debe actuar ou non actuar, engadindo medo e dúbida a cada unha das súas decisións. Wilpuck é un problema que soamente Hilary pode resolver. Esta é unha historia sobre unha muller que afronta os conflitos e loita por cambiar. O reto de liberarse da abafadora posesión do seu propio ego. Tres actores, divertidamente caracterizados, dan un imaxinativo e contemporáneo xiro cara a un excitante camiño de volta á cordura, que nun momento ou outro todos perdemos no camiño.

Obradoiro do espectador: sesión de adestramento
10 MARZO 2010

Obradoiro do espectador: sesión de adestramento

📍 CSC José Saramago, Vite

Horario: 20:00 Primeira sesión dun novo obradoiro do espectador, unha actividade que trata de achegar o público á escena contemporánea, neste caso a través de Pressing catch, de Berrobambán Teatro. Nesta primeira sesión de adestramento, os participantes contextualizan o espectáculo que van ver máis adiante. Uns días despois asisten ao espectáculo escénico contemporáneo e a un coloquio posterior cos axentes creativos do espectáculo. O espectáculos e o encontro cos creadores terá lugar o 12 de marzo ás 21.30h na Sala Nasa.

'Pouco a pouco' no Cineclube Compostela
10 MARZO 2010

'Pouco a pouco' no Cineclube Compostela

📍 Cineclube de Compostela Rúa Santa Clara, 21

Horario: 21:30 No seu ciclo sobre etnoloxía invertida, o Cineclube Compostela aborda este tema con este filme do francés Jean Rouch, no que trata as exóticas formas de vivir de Francia e dos parisinos. Petit à petit, Francia, 1971 Duración: 96' Dirección e guión: Jean Rouch Intérpretes: Moustapha Alassane, Ariane Bruneton, Michel Delahaye, Lam Dia, Safi Faye, Philippe Luzuy, Damouré Zika Damouré, un empresario de Níxer, decide viaxar a París para ver como é a vida nos pisos, xa que quere construír un edificio na súa vila natal. Na metrópole descubre as exóticas formas de vivir e pensar dos parisinos, que describe en cartas aos seus compañeiros. Estes, ao lelas, convéncense de que toleou completamente. Con humor, Rouch reflexiona neste filme, que continúa os personaxes de Xaguar, sobre a sociedade occidental, nunha tradición que remonta ás Cartas persas de Montesquieu ou ás descricións dos yahoo de As viaxes de Gulliver.

'Match Point' no ciclo 'Londres no cinema'
9 MARZO 2010

'Match Point' no ciclo 'Londres no cinema'

📍 Aula Sociocultural Caixa Galicia Carreira do Conde, 18.

Horario: 20:30H Woody Allen Continúa o ciclo que a Fundación Caixa Galicia dedica a Londres con este filme de Woody Allen narra o ascenso de Chris Wilton, un ambicioso e novo profesor de tenis, á elite da sociedade londiniense. Match Point, Reino Unido, 2005 Xénero e duración: Drama, 124' Dirección e guión: Woody Allen Fotografía: Remi Adefarasin Intérpretes: Scarlett Johansson, Jonathan Rhys Meyers, Emily Mortimer, Matthew Goode, Brian Cox, Penelope Wilton A través da súa amizade con Tom Hewett, Chris consegue introducirse no seo da súa adiñeirada familia, namorando á súa irmá Chloe. Tom, pola súa banda, salgue cunha atractiva americana, Nola Rice, da que Chris se encapricha nada máis vela. O azar, a ambición e a paixón de Chris guiarán as súas accións e marcarán as vidas de todos eles. Proxección en V.O.S.

Música e narracións con 'Bolboretas nas meixelas'
8 MARZO 2010

Música e narracións con 'Bolboretas nas meixelas'

📍 Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal Avda. de Xoán XXIII.

Horario: 18:30h Polo Día da Muller Traballadora, María Inés Cuadrado ofrece un recital dirixido a adultos, cone contos, lendas e poemas musicados con guitarra e violín, coreografías e posta en escena teatral.

Conferencia 'As mulleres na ciencia. Unha historia inacabada'
8 MARZO 2010

Conferencia 'As mulleres na ciencia. Unha historia inacabada'

📍 Fundación Caixa Galicia Rúa do Vilar, 19.

Horario : 20:00 O Ateneo de Santiago organiza esta conferencia a cargo de Mari Lires para achegar novas impresións sobre o papel das mulleres na ciencia.

Que culpa ten o tomate?
8 MARZO 2010

Que culpa ten o tomate?

📍 Teatro Principal Rúa Nova, 21.

Horario: 20:30 Proxección desta longametraxe documental observacional na que participan sete directores iberoamericanos, que a través dos mercados populares deses sete países nos envolven nas súas diferentes culturas e formas de vida. ¿Qué culpa tiene el tomate? , Varios países, 2010 Xénero e duración: Documental de creación. 107' Dirección: Jorge Coira (Galicia), Alejo Hoijman (Arxentina), Marcos Loayza (Bolivia), Josué Méndez (Perú), Carolina Navas (Colombia), Paola Vieira (Brasil) e Alejandra Szeplaki (Venezuela) Edición xeral: Alejo Hoijman Idiomas orixinais: Español, portugués, galego e aymará O realizador galego Jorge Coira dirixiu a parte do filme que se achega á praza de Abastos de Santiago de Compostela. Comparte a dirección con outros seis directores que filmaron mercados dos seus países: Alejo Hoijman (Arxentina), Marcos Loayza (Bolivia), Paola Vieira (Brasil), Carolina Navas (Colombia), Josué Mendez (Perú) e Alejandra Szeplaki (Venezuela).