Portal de tu Ciudad Alta
← Santiago de Compostela

Agenda

Ao pé do lar
5 FEBRERO 2010

Ao pé do lar

📍 O Museo do Pobo Galego

Concebida como actividade complementaria ao Fórum Gastronómico, esta exposición xira arredor dos espazos caseiros das cociñas galegas. Estructurada de forma cronolóxica e temática, ofrece tanto a visión antropolóxica como histórica destes espazos. Ao pé do lar: Memorias da cociña ´fai un percorrido pola gastronomía galega permitindo ao visitante coñecer a sociedade antiga, tradicional e contemporánea de Galiza. A través de elementos multimedia e itinerarios interactivos, esta mostra achega ao espectador unha visión da gastronomía e a identidade galegas como un campo en constante evolución, como unha mestizaxe de elementos foráneos e autóctonos. A exposición rende unha merecida homenaxe a dous mil anos de historia da gastronomía galega. A través de imaxes, sons, cheiros e sabores, os visitantes poderán descubir o pasado e a evolución da gastronomía de Galicia, cun programa diverso que inclúe actividades paralelas á propia exposición. Na produción da mostra, que ten por comisario ao profesor da Universidade de Santiago Manuel Gago, participaron máis de 200 persoas. Ao pé do lar céntrase na cociña como espazo doméstico de elaboración de alimentos e, ao mesmo tempo, como un lugar central da cultura galega. No Museo do Pobo Galego poderanse ver fotografías de gran formato, recreacións 3D, infografías, paneis interactivos e audiovisuais, que permitirán ao visitante pasear pola evolución histórica da gastronomía de Galicia grazas aos retratos de interiores domésticos, realizados polas fotógrafas Maribel Ruiz de Erenchun e Soledad Felloza. Os visitantes poderán apreciar a diversidade xeográfica e temporal das antigas cociñas, aínda en uso, que son retratadas cos seus propietarios. Ao carón destas imaxes, tamén se poderán explorar as achegas culinarias de cada época. A exposición amosa que a gastronomía galega actual é resultado dun complexo e dilatado proceso cultural. Ao finalizar o seu percorrido, os visitantes poderán deixar as súas lembranzas das cociñas da súa vida. Cada semana sortearanse sete packs de Colección Costeira (tres bos viños do Ribeiro) entre todos os participantes deses días. O programa de Ao pé do lar inclúe entre as súas actividades a chamada "Pratos con Memoria", na que sete restaurantes da cidade durante a duración da exposición terán na súa carta seis receitas antigas recuperadas para a exposición. Estas receitas recuperáronse grazas ao traballo das cociñeiras Erundina Vázquez (Restaurante Ateneo de Piñor) e Inés Abril (Restaurante Maruja Limón), baixo a coordinación do xornalista Miguel Vila. As receitas que se poderán degustar son: "Papas pegas", "Costrada", "Bertóns", "Capón con ostras", "Tortilla ao ron", "Arroz con lumbrigante". Os restaurantes nos que se poderán tomar estes pratos antigos son: Abastos 2.0, Acio, Calderón, Garum, El Mercadito, De Profundis - Hotel Monumento San Francisco e Pedro Roca. Estes sete restaurantes participaron nun curso de formación específica para preparar estes pratos como se facía antigamente. A exposición contará cun programa de espectáculos nocturnos, "As Noites Contadas". Paula Carballeira, Quico Cadaval, Avelino González e Candido Pazó, serán os encargados de recrear para os asistentes o ambiente e as temáticas das historias contadas ao redor do lume, nunha lareira recreada especificamente para a exposición no propio Museo do Pobo Galego. O obxectivo é que os asistentes comprendan o contexto cultural vinculado a estes espazos domésticos. Tamén se desenvolverá o espectáculo Marcelo Tejedor: comer a vida, na que o propio cociñeiro narrará a partir da súa biografía as grandes transformacións da alimentación e da gastronomía en galicia nas últimas tres décadas, acompañado do DJ Javier Rial. Cada un destes espectáculos ten un aforo limitado de 30 persoas. Tal é o interese que están a espertar estes espectáculos irrepetibles, que neste momento están xa ocupadas todas as prazas dispoñibles.

Reflexións novas
4 FEBRERO 2010

Reflexións novas

📍 Galería Sabor a Menta Rúa Xelmírez, 12

Unha exposición que xunta 20 obras de tres artistas novos: Alba Fandiño, Sabela Ruibal e Carlos Aldao. A mostra inclúe instalacións, fotografía e pintura.

Tresartistas: Xurxo Martiño, Vicente Prego, Vivián
4 FEBRERO 2010

Tresartistas: Xurxo Martiño, Vicente Prego, Vivián

📍 Espacio 48 Rúa do Vilar, 48

A galería de arte Espazo 48 presenta a exposición colectiva 'Tresartistas', dos artistas Xurxo Martino, Vicente Prego e Vivián, un diálogo metódico onde se traen a colación a perspectiva, a composición, o modelado, as liñas e as cores. Un correcto tratamento da luz nas pezas de Xurxo Martiño, co que logra unha realista sensación de profundidade, unhas texturas profusamente traballadas e estratexicamente combinadas que nos levan ao mosaico clásico pero que están vinculadas ao actual polo seu carácter pixelado e polo decadente modernismo do seu contido, inician o coloquio que pronto atopa unha resposta na meticulosa linguaxe de Vivián, silenciado voluntariamente durante longo tempo, e por tanto con moitas cousas novas que dicir. Alza a voz unha técnica depurada, unha composición precisa moi meditada e unha evocadora e contundente temática que configuran un monólogo interesante e cativador que Vicente Prego finalmente remata entrando en escena coa súa pincelada concisa, as súas tonalidades perfectamente combinadas e matizadas que buscan xerar un ambiente concreto que consegue tamén mediante unha estudada pátina, que reflicte o paso do tempo e que pon punto e á parte a esta fluída conversación, entre tres verdadeiros expertos na materia, entre tres profesionais xa consolidados, pero ante todo, entre tres artistas. (Cristina Moreiro da Costa).

Fauna alada de Galicia
2 FEBRERO 2010

Fauna alada de Galicia

📍 Biblioteca Fundación Caixa Galicia Frei Rosendo Salvado, 14-16

Unha exposición fotográfica formada por 30 reproducións para coñecer distintas especies de aves, insectos e morcegos que se poden atopar en Galicia. A exposición complétase coa realización de visitas guiadas e obradoiros para nenos e nenas.

Espectral
2 FEBRERO 2010

Espectral

📍 Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) Rúa Valle Inclán, s/n.

Unha relectura dos fondos do CGAC, na que se reúnen obras de medios tan distintos como o debuxo, a pintura, o vídeo, o gravado e a escultura, para abrir diferentes perspectivas sobre a memoria como sistema conceptual e perceptivo cuxa recepción a arte consegue densificar. A exposición reúne obras de Helena Almeida, Paulo Brighenti, Berta Cáccamo, Sandra Cinto, Rui Chafes, John Chamberlain, John Divola, Jimmie Durham, Marcel van Eeder, Ceal Floyer, Rodney Graham, José Antonio Hernández-Díez, Marine Hugonner, Jannis Kounellis, Mark Mandelis, ana Mendieta, Jonathan Monk, Matt Mullican, Juan Muñoz, Carlos Nieto, Susan Philipz, Arnulf Rainer, Gregor Schneider, Valeska Soares, Montserrat Soto, Xavier Toubes, Antoni Tàpies, João Tabarra e Eulàlia Valldosera. Desde as inmersións hipnóticas na imaxe de Matt Mullican, aquí documentadas cunha performance de 2003 en Zúric, até a produción enciclopédica e compulsiva dos debuxos realizados por Marcel van Eeden a partir da apropiación de imaxes mediáticas de acontecementos anteriores ao seu nacemento, Espectral non apela a unha linearidade formal ou xeracional, senón que subliña como os artistas recrean, a través do seu corpo ou da representación de espazos, formas de atraer ao espectador cara a aquilo que se podería denominar unha cartografía conceptual do intanxible. Lonxe dos parámetros modernistas da autonomía do obxecto artístico, os autores aquí reunidos utilizan o corpo como índice, como proceso (tal é o caso de Ana Mendieta ou Helena Almeida). O espazo devén paradoxal, un real ficcionado, en Juan Muñoz e na casa primordial de Gregor Schneider; evocador dunha memoria premoderna en Paulo Brighentti e Berta Cáccamo, ou fantasmática, nas fotografías de Valeska Soares e na obra de Jannis Kounellis.

A mostra 2004 -2009 de Sergi Aguilar
21 ENERO 2010

A mostra 2004 -2009 de Sergi Aguilar

📍 Galería SCQ Rúa Pérez Costanti, 12.

Considerado un dos principais escultores españois da súa xeración, Sergi Aguilar, exhibe na Galería SCQ a mostra 2004 / 2009. Debuxos e esculturas constitúen a terceira exposición individual do artista catalán, introdutor do conceptualismo. A exposición acolle pezas realizadas entre o 2004 e o 2009, nas que Sergi Aguilar mantén toda a súa iconografía e onde o espazo supera os límites da obra, os signos, os mapas ou os compases axudarán a guiar ao espectador na súa propia viaxe de descubrimento. A traxectoria artística de Sergi Aguilar goza dun longo e sólido percorrido de gran prestixio internacional. Cunha longa e importante lista de exposicións en España e o estranxeiro, a obra de Sergi Aguilar atópase entre as coleccións dos máis significativos museos e coleccións institucionais, tal como o Solomon Guggenheim Museum, New York, o MACBA, Barcelona, o museo Reina Sofía, Madrid e a Fundación A Caixa, entre outros. A súa obra pública pódese ver sobre todo en Catalunya, onde en Barcelona sitúanse varias instalacións monumentais.

Debuxos, fotos e vídeo na arte de Perejaume
21 ENERO 2010

Debuxos, fotos e vídeo na arte de Perejaume

📍 Galería Trinta Virxe da Cerca, 24.

O artista catalán Pere Jaume Borrell i Guinart, coñecido artísticamente como Perejaume, expón Surar, unha mostra individual que compila debuxos, unha selección de fotografías de gran formato e un vídeo inédito (2009) que dá título á exposición. Perejaume emprega nos seus procesos artísticos a pintura, o vídeo ou a poesía. No seu traballo toma a paisaxe e a cultura catalá como eixe central da súa obra. Con claras raíces surrealistas, o seu interese pola pintura transcendeu ata a poesía. Desde 1980 leva a cabo unha ampla produción que inclúe libros de poesía, ensaio, crítica e catálogos.

'Sobre o dandismo hoxe en día' no CGAC
16 ENERO 2010

'Sobre o dandismo hoxe en día' no CGAC

📍 Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) Rúa Valle Inclán, s/n. 15704, Santiago de Compostela

A exposición Sur le dandysme aujourd'hui (Sobre o dandismo hoxe en día). Do manequín no escaparate á estrela mediática, é un proxecto de RMS La Asociación en colaboración co Centro Duarte. Esta mostra reflicte conceptos e estratexias herdadas do dandismo que se atopan no traballo e na actitude de artistas contemporáneos e tamén na permanencia da iconografía e a temática proveninte da literatura do dandismo. A actualidade das propostas de imaxe e da construcción da subxectividade pola apariencia son temas fundamentais dos inicios do século XXI. De aí que esta mostra tome como protagonistas aos dandies e que reflicta este modelo a través de novelas, heroes dun pasado mítico, imaxes da nostalxia e figuras tráxicas do desexo. Todos estes conceptos aparecen representados nalgúns artistas actuais como Jeff Koons, Tracey Emin, Steven Shearer, Hernan Bas, Zak Smith, Joan Morey ou Babak Ghazi. Esta mostra estruturarase en tres partes, cada unha delas dedicada a un dos fitos na historia do dandismo e ao xeito no que cada unha das súas achegas influíron na arte das últimas décadas, afastándose da súa presentación tradicional.

As 'Fábulas' de Amabel Míguez de la Sierra
15 ENERO 2010

As 'Fábulas' de Amabel Míguez de la Sierra

📍 Fundación Torrente Ballester

Esta mostra de Amabel Míguez de la Sierra ofrece ao visitante unha serie de obras gráficas baseadas nas fábulas máis tradicionais, interpretadas desde un orixinal punto de vista. A artista compostelá Amabel Míguez de la Sierra abre a porta a unha nova visión das máis tradicionais fábulas, cun protagonismo gráfico moi diferente ao habitual e cunha técnica persoal xa presentada en anteriores exposicións. A mostra comeza cunha relectura evocadora de Fragmentos da Apocalipse, onde a figuración de Míguez de la Sierra se acomoda magnificamente ás descricións do novelista que dá nome á Fundación que unha vez máis acolle a obra de Míguez de la Sierra. Esta obra convértese, ademais, na homenaxe que a artista ofrece ao escritor na conmemoración do centenario do seu nacemento.

'Elemento', fotografías de Mari Wilson
11 ENERO 2010

'Elemento', fotografías de Mari Wilson

📍 Casa das Crechas Vía Sacra, 3. 15704

O concepto "elemento" non se refire a unha substancia material, senón a unha forza do Universo, trátase de fases de transformación, de descrición dos diferentes estados enerxéticos. Os cinco elementos son forzas que se xeran mutuamente, transfórmanse entre si e se manteñen en axeitado equilibrio. Son a materia prima da existencia.

11 ENERO 2010

Francisco Leiro e o Códice Calixtino

📍 Casa da Parra Praza da Quintana, s/n.

Unha exposición sobre a tradución de latín a galego do Códice Calixtino, na que se exhiben as creacións que Francisco Leiro ideou para este proxecto. A mostra componse de 34 letras capitais e 6 portadas en formatos 25 x 35,5 e 50 x 35 cm, realizadas sobre papel e técnica mixta, máis dúas esculturas en madeira do mesmo, que representan dúas das letras utilizadas como capitulares: a B e a T. As portadas ilustran o principio do libro e o inicio de cada un dos cinco libros dos que se compón o Códice Calixtino. As letras inician cada un dos capítulos. Francisco Leiro naceu en Cambados no 1957. Estudou na Escola de Artes e Oficios en Santiago de Compostela. A principios dos anos oitente participou nas colectivas Atlántica, proposta como unha iniciativa de renovación das artes plásticas galegas. O estilo inconfundible de Leiro pasa por diferentes etapas, sempre obedecendo a unha figuración expresionista, e mantén como referente fundamental a utilización da figura humana. Aínda que emprega en numerosas tallas a pedra, o mármore ou o formigón, soe empregar como soporte principalmente a madeira.

Exposición do VI Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas
2 DICIEMBRE 2009

Exposición do VI Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas

📍 Auditorio de Galicia. Avda. do Burgo das Nacións, s/n. 15705, Santiago de Compostela

Unha selección de 35 obras de entre o cento e medio de traballos presentados compón esta mostra. Entre as expostas están os traballos gañadores: 'Reflexos: réplicas (Diálogos en Unland)', de Holga Méndez obtivo o primeiro premio. Os catro accésits foron para Joan Morera pola obra 'Vigo-Dakar'; Tamara Feijoo Cid por 'Antropofaxia'; Damián Ucieda por 'Home gritando núm. I 'e para o colectivo FUR ALLE FALLE por 'Os Lolos 23F'. O Premio Auditorio de Galicia para Novos Artistas naceu en 2001 coa vontade de dar enerxía e vitalidade á xuventude artística. O primeiro premio está dotado con 6.500 euros, os catro accésits con 1.500 euros cada un, e un accésit de 1.200 euros denominado Premio do Público que é elixido mediante a votación dos visitantes da exposición e que se coñece unha vez rematada a mostra. Ademais da dotación económica, o premio inclúe unha exposición no Auditorio de Galicia, cos traballos seleccionados entre todos os que se presentan en cada edición e que permanece aberta ao público durante dous meses. A convocatoria deste premio tivo moi boa acollida entre os novos artistas: nesta edición presentáronse un total de 158 traballos a concurso. Nas edicións anteriores obtiveron o primeiro premio Raúl Pereira (no ano 2001), Lorena Gómez (2002), Rubén Ramos Balsa (2003), Pablo Pérez Sanmartín (2005) e Manuel Suárez Eirís (2007), quen tamén resultou elixido co Premio do Público. A mostra está composta polas 35 obras seleccionadas nesta sexta edición, que pertencen aos seguintes artistas: Mª Covadonga Barreira; Borja Doel; Joan Morera; A Ama de casa; Sara Fuentes; Desperfecta; Nuria Villa; Ignacio García; Fruela Alonso; Holga Méndez; Mónica Cabo; Víctor Hugo Costas; Tamara Feijoo; Josetxu F. Cárcamo; Fran Miguens; Juan Varela; Damián Ucieda; Enrique Lista; Chas; Nicolás Combarro; Jesús Madriñán; Maribel Castro; Christian García Bello; Marcos Blanco; Dolores Fuertes; Mauro Trastoy; Eduardo Valiña; Jacobo Bugarín; Batbirulau; Nuria Ruibal; Olmo Blanco; Raquel Durán; Jorge Migoya; Olmo Cuña e Fur Alle Falle.