Agenda
Chaikovski e Scriabin coa batuta de Víctor Pablo Pérez
📍 Auditorio de Galicia Avda. do Burgo das Nacións, s/n.
Horario: 21:00H A Orquestra Sinfónica de Galicia é a formación convidada neste concerto do programa de abono. Baixo a batuta de Víctor Pablo Pérez, interpretará pezas de Chaikovski e Scriabin, con Pilar Vázquez como mezzosoprano, Roger Padulés como tenor e Guidon Kremer como violín solista. Orquestra Sinfónica de Galicia Víctor Pablo Pérez, director Guidon Kremer, violín Pilar Vázquez, mezzosoprano Roger Padulés, tenor P. I Chaikovski, Concierto para violín e orquestra en Re maior, op. 35 A. Scriabin, Sinfonía núm. 1 en Mi maior
'Dirty Dancing' na Fonoteca
📍 Fonoteca Universitaria Facultade de Ciencias da Información. Avda. Castelao s/n.
Horario: 18:00 Un fime musical dos 80 que acadou gran popularidade e que agora se pode ver no ciclo dedicado ao xénero pola Fonoteca Universitaria. Dirty Dancing, Estados Unidos, 1997 Xénero e duración: Musical. 97' Dirección: Emile Ardolino Guión: Eleanor Bergstein Música: John Morris e varios Fotografía: Jeffrey Jur Intérpretes: Patrick Swayze, Jennifer Grey, Jerry Orbach, Cynthia Rhodes, Jack Weston, Jane Bruckner Johnny Castleé un experto profesor de baile e un amante consumado. Baby Houseman é unha aburrida e inocente adolescente de 17 anos. Durante o transcurso dun verán, nun balneario para clases acomodadas, o encontro entre ambos causará máis dun receo, por mor das súas distintas orixes sociais. Entre ambos media un abismo que se acorta cando soa a música e os seus corpos se abrazan.
Som do Galpóm en directo
📍 Casa das Crechas Vía Sacra, 3.
Horario: 22:30 Un estilo único que vai do funk ao reggae, que flirtea co rap… pero que non casa con nada. Un quinteto, individualmente orixinal e mestura global, que vén coas baterías cargadas de festa e, sobre todo, con ganas de difundir un discurso propio: a volta á inocencia e á naturalidade, nesta era das máquinas… Gael de Esteban, vo Brais de Esteban, violín e coros Xurxo García, guitarra clásica e eléctrica Alejandro Castro, baixo e coros Aitor García, batería No 2009 Som do Galpóm sacou o seu primeiro disco ao mercado. Chámase Em Terra de Ninguém, e constitúe todo un exercicio de reflexión sobre os tempos que corren: a sociedade do consumo, a desnaturalización e a perda dos recursos humáns e sociais máis básicos. Un gran traballo de debut que conta co garante da produción na Casa de Tolos, o estudo de Segundo Grandío, e o deseño e a edición de Falcatruada. As letras están rapeadas por Gael de Esteban, herdeiro da tradición galega de cantantes reivindicativos, un frontman que move a orquestra do Galpóm como ninguén. Palabras que veñen aderezadas por unha potente base rítmica, baixos e bombos contundentes, unha guitarra que engraxa as cancións e o acompañamento do violín, que introduce unha pauta diferente. Som do Galpóm leva a festa consigo: un concerto é sinónimo dunha nova oportunidade de pasalo ben, de bailar, de cantar, de disfrutar no máis amplo sentido da palabra. A súa música lembrarache a bandas como Macaco, Rapsuklei, á fusión de Ojos de Brujo ou Che Sudaka, mesmo ten certas reminiscencias de Amparanoia ou La Kinky Beat.
Con A de Astrónomas
Esta mostra permite aos visitantes mergullarse na ciencia da Astronomía. Galaxias, estrelas, planetas, cometas... os obxectos que poboan o Cosmos son os seus protagonistas, como tamén o son as miles de mulleres que investigaron sobre eles. A exposición fai referencia ás astrónomas, desde Aglaonike, que predicía eclipses de lúa na Grecia clásica, pasando por Caroline Herschel, que no XVIII descubriu cometas e estudou as estrelas binarias, ata as investigadoras que na actualidade son punta de lanza na vangarda desta ciencia. A exposición, un dos legados do grupo de traballo 'Ella es una astrónoma' do Ano Internacional da Astronomía 2009 continua así a súa itinerancia na súa versión museística tras estar durante tres meses na Casa da Ciencia de Sevilla. Son en total trece grandes paneis -que estarán dispoñibles en formato dixital (http://www.astronomia2009.es)- e seis módulos interactivos, estes últimos con curioso contido grazas á cesión temporal da produtora Mod Producciones que permitirá que os visitantes contemplen o material orixinal da película Ágora, de Alejandro Amenábar, como estatuas, traxes, atrezzo e, especialmente, reproducións de instrumentos astronómicos.
Inauguración da exposición 'As misións pedagóxicas. 1931-1936'
📍 Casa das Asociacións Antiga estación Cornes, Avenida de Vilagarcía, 43
Esta exposición é un proxecto da Fundación Francisco Giner de los Ríos e está producida pola Residencia de Estudiantes. Nela colaboraron a Concellería de Participación Cidadá e o Museo Pedagóxico de Galicia. Poderá visitarse ata o 30 de abril. A historia da Misión Pedagóxica de Galicia arrinca o 11 de agosto de 1933, baixo a dirección de Rafael Dieste. Comezaba unha viaxe que duraría seis meses e que percorrería as catro provincias galegas. Foi a actividade de maior duración de todas as que realizou o Padroado das Misións Pedagóxicas, que fora creado polo Goberno republicano o 29 de maio de 1931, co obxectivo de levar aos lugares máis afastados uns bens culturais que lles pertencían por dereito a todos os españois e non só aos que vivían nas cidades. Esta exposición divídese en varios epígrafes que percorren dende os antecedentes desta experiencia ata os servizos que ofrecían as Misións Pedagóxicas: o Servizo de Bibliotecas, o Museo do Pobo, o Cine, o Coro e Teatro do Pobo, o Servizo de Música ou o Retablo de Fantoches, que naceu en terras galegas. Os habitantes das aldeas e das vilas ás que chegaron as Misións, así coma os intelectuais, pintores, escritores ou mestres que colaboraron nesta iniciativas, son os protagonistas da mostra. A exposición tamén quere reflexionar sobre o que supuxeron as Misións Pedagóxicas para aquela mocidade de entón e o corte que produciu nas súas biografías o estalido da Guerra Civil.
LEO MINAX
📍 ULTRAMARINOS, Rúa Casas Reais, 34
Horario: 22:00H Un dos artistas brasileiros que mais esta despuntando, presenta o seu último traballo. “Da boca pra fora”.
Monólogos de Luis Piedrahita no Teatro Principal
📍 Teatro Principal Rúa Nova, 21.
Horario: 20:30 y 22:30 O humorista coruñés Luis Piedrahita chega a Compostela co seu novo espectáculo de humor 'Por que os maiores sempre constrúen os columpios enriba dun charco', en doble sesión no Teatro Principal. Luis Piedrahita Cuesta é un humorista, guionista e director de cinema famoso polas súas aparicións en televisión e radio, especialmente apreciado polos seus monólogos. É coñecido como O rei das cousas pequenas xa que fai monólogos criticando o pouco respecto que os humanos mostran aos obxectos do día a día. Deuse a coñecer no público peninsular en 1999, ao gañar o I Certame do Clube da Comedia, logo do cal se fixo guionista e actor fixo do programa.Ademais ten colaborado como guionista Cruz y Raya, La Noche de Fuentes y Cía, El hormiguero etc.
Concerto dos Jazzeros Inoxidables
📍 Pub Borriquita de Belém San Paio, 22
Horario: 22:45 Concerto deste trío galego nacido coa intención de investigar nas sonoridades que noutrora popularizaron músicos como Wes Montgomery ou Jimmy Smith, a través da habitual combinación de guitarra, hammond e batería. David Regueiro, guitarra Iago Mouriño, órgano Hammond Noli Torres, batería Tomando como base esta formación de trío tan usual no estilo como pouco coñecida polo gran público, o grupo parte das raíces do jazz e do funk para evolucionar cara sons, rítmicas e estruturas máis contemporáneas, creando unha amalgama estilística onde o experimental conflúe coa tradición e onde a improvisación é o eixo central dun mecanismo baseado na interacción dos seus músicos...
Piano e violonchelo no XII ciclo de Novos Intérpretes
📍 Facultade de Xeografía e Historia (Paraninfo da Universidade) Praza da Universidade s/n
Horario: 20:30 Continúa o XII ciclo de Novos intérpretes, organizado pola Universidade de Santiago e a Asociación Galega da Lírica. Nesta ocasión o recital será a cargo de Alfonso González Martínez ao piano e Carme Tubío Barreira ao violonchelo.
'Lock & Stock' no ciclo 'Londres no cinema'
📍 Aula Sociocultural Caixa Galicia Carreira do Conde, 18.
Horario: 20:30H Péchase o ciclo 'Londres no cinema' con esta exitosa película británica sobre póker e bandas, con moito ritmo e sentido do humor. Lock, Stock and Two Smoking Barrelst, Reino Unido, 1998 Xénero e duración: Comedia negra, 106' Dirección e guión: Guy Ritchie Fotografía: Tim Maurice-Jones Intérpretes: Nick Moran, Jason Flemyng, Jason Statham, Dexter Fletcher, Steven MacKintosh, Frank Harper, Lenny McLean, Vinnie Jones, Sting, P.H. Moriarty Eddie convence a tres amigos para xogar os seus aforros nunha partida de cartas contra Harry a Machada, un mafioso do barrio. A partida está amañada e Eddie non só perde todo o diñeiro senón que acaba debendo outros 120 millóns a pagar antes dunha semana. O mafioso pretende quedar co local do seu pai para resarcir a débeda, pero o catro amigos planean saldala dunha forma moito máis arriscada. Proxección en V.O.S.
Yo La Tengo en concerto
📍 Sala Capitol Rúa Concepción Arenal, 5
Horario: 21:00H Chega a Santiago unha das bandas de rock indepentende cunha traxectoria máis sólida. O trío de Hoboken leva máis de 25 anos cunha proposta musical que se move entre o folk estadounidense e a experimentación sonora. A banda está formada polo matrimonio Georgia Hubley (batería) e Ira Kaplan (guitarra) e o baixista James McNew. Desde que en 1986 a banda publicou o seu primeiro disco, Ride the tiger, editaron outra ducia de álbums de estudio, entre os que destacan Fakebook, Painful, I can hear the heart beaten as one, An then nothing turnet itself inside out ou o recente Popular songs. Tamén editaron un bo feixe de recopilatorios e participaron en numerosos discos colectivos. Son coñecidos tamén pola súa afección a facer covers e pola variedade das súas propostas en directo. Yo La Tengo é hoxe unha das bandas de indie rock máis aclamadas no mundo enteiro, acadando o grao de grupo de culto.
Prensa (en)tendida
📍 CSC José Saramago, Vite
Exposición organizada pola Asociación de Prensa de Santiago de Compostela, que quere dar a coñecer ao público a gran cantidade e variedade de publicacións periódicas que se editan na cidade. Xornais, revistas, anuarios, memorias e boletíns son exemplos das 300 publicacións que conviven en Compostela e que abarcan ámbitos como a cultura, as humanidades, a política, a economía, a ciencia, a investigación ou as novas tecnoloxías. A través dunha serie de paneis informativos proporcionaranse datos, gráficas e porcentaxes relativas á temática, promotores, tipoloxías, ámbito de distribución ou lingua. Por outra banda, as publicacións colgan nun conxunto de tendales; nunha mesa de pasar o ferro e mesmo en cestos de roupa. Os exemplares estan accesibles para que o público os poida palpar e manexar.