Agenda
Hilliard Ensemble no Festival de Músicas Contemplativas
📍 Igrexa das Ánimas Ruela de Ánimas
Horario : 22:00 Hilliard Ensemble é considerada unha das mellores agrupacións vocais do mundo, cunha reputación extraordinaria no campo da música antiga e contemporánea. En Compostela presenta o recital In Paradisum: canto francés do século XVII da Misa de Requiem con polifonía, por Vitoria e Palestrina O seu estilo distintivo e a súa desenvolvida mestría musical captan ao oínte tanto co seu repertorio medieval e renacentista, como cos traballos escritos especialmente para o grupo por compositores vivos. A axenda do grupo é moi activa e variada, podendo chegar ao centenar de concertos ao ano. Ao seu substancial seguimento en Europa, particularmente no Mediterráneo e os países de Europa central, súmanse as súas visitas regulares a Xapón, Estados Unidos e Canadá. A reputación do grupo como agrupación de música antiga consta desde 1980 e tamén son desa data as súas series de gravacións de gran éxito para EMI. O grupo continua coa súa procura de establecer fortes lazos con compositores vivos, sobre todo no ámbito orquestral. No 2007, o grupo uniu forzas coa Orquestra Filarmónica de Dresden para estrear a obra Nunc Dimittis do compositor ruso Alexander Raskatov, que máis tarde sería gravada para ECM.
Alim & Fargana Qasimov no Festival de Músicas Contemplativas
📍 Igrexa da Universidade Praza da Universidade, s/n.
Horario: 23:55 Alim Qasimov e a súa filla Fargana ofrecen no V Festival de Músicas Contemplativas un recital de música espiritual de Azerbaixán. Figuran entre os principais representantes do mugham, un xénero musical tradicional caracterizado por un alto grao de improvisación. Alim Qasimov, naceu en 1957 na pequena vila de Shamakha, a uns 100 k m. de Baku, capital da república de Azerbaiján. Con 11 anos, construíu un laúde de aluminio con unllas e cables eléctricos. Aprobou os exames para a escola Mugham en Baku, onde ademais de estudar o repertorio Mugham de Acerbaixán, tamén estudou as técnicas de cantos e a arte da improvisación. Aos 25 anos gañou o Kjabbar-Qarjaghdioghlu, unha competición de canto. Qasimov continuou buscando novas direccións na interpretación do repertorio Mugham. "Para ser músico tes que ter un lume dentro de ti", di Qasimov, "telo ou non o tes. Estou convencido que se a mocidade ten esta faísca -chámao inspiración ou lume espiritual- entón poden interpretar calquera tipo de música: pop, folk, ou clásica, calquera que sexa, será sobresaínte". O talento de Fargana Qasimov (1979) gravita naturalmente ao redor da música que escoitou do seu pai: música clásica de Azerbaixan (mugham) e o repertorio popular de cancións bardicas cantadas por "ashiqs", cantantes e poetas que se poderían considerar como modernos trobadores. En 1999 Alim Qasimov foi premiado co prestixioso Premio Musical IMC/UNESCO: Alim e Fargana Qasimov son artistas que traballan regularmente con Aga Khan Music Iniciative, actuando regularmente nas máis prestixiosas salas de concertos de todo o mundo e colaborando con artistas tanto da contorna de música popular como de música clásica. Nos últimos anos destaca a súa colaboración con Yo-Yo Ma e o Silk Road Ensemble.
Gran xogo sobre o Día do Libro Infantil
📍 Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal Avda. de Xoán XXIII.
Horario: 18:30 Eduvia pon en marcha un gran xogo para nenos e nenas a partir de 6 anos, co que comemorar o Día do Libro Infantil, que se celebra o 2 de abril. Este gran xogo servirá para medir o nivel de coñecemento sobre o Día do Libro Infantil entre os nenos e nenas participantes. O xogo desenvolverase por grupos para motivar a cooperación entre eles. Ademáis os nenos e nenas deberán superar probas coma a realizar un poema, deletrear vocablos, ou definir palabras "complicadas".
Divana Ensemble no Festival de Músicas Contemplativas
📍 San Martiño Pinario Praza da Inmaculada
A poesía e a música do Raxasthán chegan ao V Festival de Músicas Contemplativas da man de Divana Ensemble. Intensidade vocal reforzada pola sección rítmica máis innovadora da súa rexión. Anwar Khan Manghaniyar é un dos músicos máis prometedores da súa xeración. A súa voz zigzaguea sen cesar entre as tradicións clásicas e populares. Tanto se canta un bhajan, unha canción devota a Krishna, a través da epopea de Mira Bal, a nova princesa que deu a súa vida á encarnación de Vishnu, como se evoca aos orgullosos Banjara, os comerciantes nómades da India, ou canta unha chota gît, como a famosa "Sat Bhayan Ki Ek Behanadly". Anwar Khan é a imaxe perfecta da nova xeración de cantantes Manghaniyar cuxa vida enteira está dedicada á súa arte. A voz de Bundhu Khan Langa é alta e clara como o cristal, é unha voz Langa. Dá forma a cada pequena porción de poesía cunha tremenda forza emocional.
'Ceddo' no ciclo Ousmane Sembène
📍 Cineclube de Compostela Rúa Santa Clara, 21
Terceiro filme do ciclo dedicado ao realizador senegalés Ousmane Sembène, un dos creadores máis importantes da literatura e o cine do século XX en África. Ceddo, é un dos seus filmes máis ambiciosos, cunha notable carga de crítica relixiosa. Ceddo, Senegal, 1977 Xénero e duración: Drama, 120' Dirección: Ousmane Sembène Guión: Ousmane Sembéne Música: Manu Dibango Fotografía: Georges Caristan Intérpretes: Tabata Ndiaye, Moustapha Yade, Ismaila Diagne, Matoura Dia, Omar Gueye, Mamadou Dioumé, Nar Modou O filme usa a historia do secuestro dunha princesa para examinar a contradición entre forzas culturais en loita polo golfo da Guiné: a expansión musulmá, o cristianismo e o tráfico de escravos. O ceddo, unha clase feudal de xente do común, loita desesperadamente nese escenario por manter os seus costumes e a relixión frente aos cambios que se producen. Aínda que ambientada no século XIX, o transfondo da fita inclúe a filosofía, a épica e a política que atravesan toda África ao longo das dúas últimas centurias.
Sheikh Taha no Festival de Músicas Contemplativas
📍 Igrexa da Universidade Praza da Universidade, s/n.
Horario: 23:55 Sheikh Taha, un xeque aínda mozo cun modo de vida mística, que vive só nunha pequena zawiya (irmandade), a poucos quilómetros de Luxor, presenta no V Festival de Músicas Contemplativas un recital de cantos sufís do Alto Exipto. Cando canta, o rostro do xeque Taha resplandece e irradia harmonía. A súa voz segue sendo clara, a pesar de moitas noites sen durmir, compasa as palabras como sacadas doutro Islam. O Islam da rúa, do pobo, das gallabiya e das chichas, o último baluarte islámico da poesía do pobo do Nilo. O munshid é o último gran personaxe do mundo popular exipcio. É á vez un home de fe, cantante, poeta, actor, profeta e un pequeno meigo. Trátaselle coa deferencia máis exquisita, porque como todo artista en representación, sempre debe dar o mellor de si mesmo. Sheikh Taha ten a propiedade perfecta do home santo, é amable e cortés (no sentido árabe da palabra adab que significa "comportarse adecuadamente coa súa contorna"). A voz de Sheikh Taha domina e sobrevoa estes efluvios; unha voz que non cesa de renovarse, que se centra principalmente nas emocións, lonxe dos formalismos académicos. A clave reside na capacidade do munshid (cantante relixioso) para comunicar os seus sentimentos a través da procura da saltana (éxtase). O amor místico, o medo ao fracaso, o abandono do corpo, se rende todo ao son dunha voz única.
Emma Kirkby & London Baroque no Festival de Músicas Contemplativas
📍 Igrexa das Ánimas Ruela de Ánimas
Horario: 22:00 A soprano inglesa Emma Kirkby, especialista en música do Renacemento e do Barroco, únese a un dos grupos de cámara barroco con traxectoria máis notable nun programa dedicado a G. F. Haendel e no que tamén se inclúe unha composición de Corelli. Nos seus comezos, Emma Kirkby non tiña expectativas de converterse nunha cantante profesional. Como estudante en Oxford, e posteriormente como profesora, cantaba por pracer, sentíndose máis a gusto con repertorios do Renacemento e do Barroco. Uniuse ao Taverner Choir en 1971 e en 1973 comezou a súa longa asociación co Consort of Musicke. Tomou parte nos comezos das gravacións con Decca Florilegium tanto con Consort of Musicke como coa Academy of Ancient Music, nun momento en que poucas sopranos con formación universitaria buscaban un son apropiado para instrumentos antigos. Polo tanto, tivo que buscar o seu propio enfoque, coa axuda de Jessica Cash e os seus colegas cos que traballou todos estes anos. Emma sentese privilexiada de ser capaz de crear relacións a longo prazo con grupos de cámara e orquestras, en particular con London Baroque, Freiburger Barochorchester, L´Orfeo (de Linz) e a Orchestra of the Age of Enlightenment, e agora con algún dos grupos máis novos: A Palladian Ensemble e Florilegium. London Baroque formouse no ano 1978 e goza da posición de ser un dos grupos de cámara barroca coa traxectoria e experiencia máis longas da súa contorna. Está considerado en todo o mundo como un dos mellores expoñentes da música de cámara barroca, e seguen sendo apreciados hoxe en día como o foron fai vinte anos. London Baroque segue dando concertos vitais e enriquecedores con toda a perfección técnica e madurez musical que o seu público espera sempre. Actuaron nos máis grandes festivais de Europa, con aparicións frecuentes nas TV e radios de todo o mundo, e en xiras por Xapón e os EE.UU. O seu repertorio abarca un período que vai desde finais do século XVI ata Mozart e Haydn, con obras de compositores case descoñecidos xunto a antigas obras mestras clásicas e barrocas.
Festival de Músicas Contemplativas
📍 Santiago de Compostela
29-III, 20:00 h. The New London Consort (Inglaterra) Philip Picket, director Oratorio de Pascua: Bach - Praetorius Igrexa de San Francisco 29-III, 22:00 h. Houng Thanh (Vietnam) Tradición espiritual no canto vietnamita Igrexa da Universidade 30-III, 20:00 h. Fretwork Ensemble (Inglaterra) Claire Wilkinson, mezzosoprano Fantazia Purcell: Henri Purcell Igrexa do Convento do Carmen 30-III, 22:00 h. Les Éléments (Francia) Joël Suhubiette, director Méditerranée: polifonías antigas en latín, hebreo, árabe e grego antigo Igrexa de San Paio de Antealtares 30-III, 23:55 h. Urna & Ensemble (Mongolia) Amilal: o espírito mongol Igrexa da Universidade 31-III, 20:00 h. Divana Ensemble (India) Poesía e música do Raxasthan Igrexa de San Martiño Pinario 31-III, 22:00 h. Enma Kirby & London Baroque (Inglaterra) Haendel en Roma: Georg Friedrich Haendel Igrexa das Ánimas 31-III, 23:55 h. Sheikh Taha (Exipto) Cantos sufíes do Alto Exipto Igrexa da Universidade 1-IV, 20:00 h. Helsinki Baroque Orchestra (Finlandia) Aapo Häkinen, director Jubilate Domino: O barroco dos países bálticos Igrexa de San Martiño Pinario 1-IV, 22:00 h. Hilliard Ensemble (Inglaterra) In Paradisum: Canto francés do século XVII. Victoria - Palestrina Igrexa dás Ánimas 1-IV, 23:55 h. Alim & Fargana Qasimov (Azerbaixan) Música espiritual de Azerbaixan Igrexa da Universidade 2-IV, 20:00 h. Parissa (Irán) Música e poesía mística persa Capela Real do Hostal dos Reis Católicos 2-IV, 22:00 h. Il Suonar Parlante (Italia) Vittorio Ghielmi, director Lamentos para a Paixón na Alemaña de Bach Igrexa de San Martiño Pinario 2-IV, 23:55 h. Monâjât Yultchieva (Ouzbekistan) Música para a meditación Igrexa da Universidade 3-IV, 20:00 h. Kenneth Weiss (USA) Hasnaa Bennani, soprano Camille Poul, soprano Julian Leonard, viola da gamba Leçons de Tenebres: Couperin - D´Anglebert - Delalande Igrexa das Ánimas
Elaborar un xornal na semana da prensa
📍 Biblioteca Caixa Madrid Rúa das Casas Reais, nº 14
Horario: 11:00 - 13:30 Un obradoiro para aprender como funciona a prensa e elaborar o xornal da biblioteca aproveitando as vacacións de Semana Santa.
Anxos Sumai no Club de Lectura de Implicadas no Desenvolvemento
📍 Casa das Crechas Vía Sacra, 3.
Horario: 20:30 O Club de Lecturas de Implicadas no Desenvolvemento recibe como autora convidada a Anxos Sumai, para falar de Así nacen as baleas, Premio Repsol YPF 2007 de Narrativa Breve.
'Os Bolechas' no 2º aniversario da Biblioteca Ánxel Casal
📍 Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal Avda. de Xoán XXIII.
Horario:18:30 A Biblioteca Pública de Santiago Ánxel Casal celebra o seu segundo aniversario coa actuación de Caramuxo Teatro, que porá en escena a obra de monicreques èm]Os Bolechas. Os Bolechas 50 minutos Autoría: Juan Rodríguez, Laura Sarasola e Pepe Carreiro Dirección: Juan Rodríguez e Laura Sarasola Os Bolechas é unha comedia musical con monicreques; un espectáculo que nos amosa un día na vida desta divertida familia, onde coñeceremos as ocorrencias do pequeno Tatá, as travesuras de Chispa, a Braulio e Sonia, as xemelgas Pili e Loli, e a Carlos, o máis vello dos irmáns. Dirixido a un público infantil a partir de 3 anos.
Obradoiro de animación á lectura 'Debuxando ao Principiño'
📍 CSC Ensanche Frei Rosendo Salvado, 14-16
Horario: 9:00 - 14:00 Un obradoiro de animación á lectura para as vacacións de Semana Santa, dirixido a nenos e nenas de 6 a 12 anos. Os rapaces e rapazas reflexionarán sobre as ensinanzas de O Principiño e tentarán expresar o aprendido plasticamente a través de diferentes técnicas. Entre todos os participantes no obradoiro irán debuxando o conto ata facer un novo libro ilustrado da obra de Antoine de Saint Exupéry. O traballo realizado será exposto ao público durante a semana cultural. O Principiño é unha metáfora da vida. A historia comeza cunha crítica sarcástica ás cousas importantes da vida e os adultos, a como se condiciona aos nenos e se lles conduce polo "camiño correcto". Estas críticas van salpicando o libro ao longo da narración.